Esta curiosa peza da literatura inglesa consta de dúas partes claramente diferenciadas: a primeira e maior adopta o formato clásico das historias de casas encantadas, é dicir, por circunstancias azarosas chega a oídos do protagonista que existe unha casa en Londres na que ninguén logrou pasar máis de tres noites. Entón, movido pola curiosidade, postúlase como inquilino, coa única compañía do seu criado e mais do seu querido bull terrier. A orixe do fenómeno debe ser desentrañada. Nesa pescuda do sobrenatural irán aparecendo pouco e pouco conceptos tales como o mesmerismo, a inmortalidade ou a vontade humana, que serán abordados dende unha óptica ocultista na segunda parte, onde o ton da narración e o interese da trama mudan de forma radical.