Este é o primeiro libro de Estevo Creus. Un autor que tamén acaba de ser galardonado, por outro libro máis recente, inédito, co Premio González Garcés. A cidade oculta destes poemas ten como ámbito protagónico a memoria. Desde a cita inicial de Moacyr Sclian ata os últimos versos o poeta camiña na procura da recordación porque 'a memoria é un animal con solitaria'. O libro divídese en cinco itinerarios, con cadanseu argumento e introducidos por citas. Así, no primeiro coñecemos a soidade; no segundo o tránsito polo deserto e a redescuberta do amor; no terceiro a presencia da morte en imaxes ben pouco tradicionais; no cuarto o non-regreso, e finalmente no quinto réndeselle culto á memoria. Malia esta estructura, o libro é intencionadamente caótico, intencionadamente confuso e envurullado, con versos breves e longos, prosas e pausas inoportunas. Os poemas contan unha historia sen os clásicos asunto e desenlace, chea de imaxes ás veces alegóricas, moitas delas inéditas na nosa lírica. Unha poética moi de seu, persoalísima, que non segue camiños trillados na literatura galega.