A meirande catástrofe ecolóxica está a pasar case inadvertida: cada ano desaparecen no mundo sete millóns de hectáreas de terra fértil, unha superficie equivalente a máis do dobre de Galicia.
Con exemplos sobre o estado de degradación dos solos en Alemaña, Austria e a costa mediterránea da Península Ibérica, e unha análise dos factores causantes, Gerth M. Neugebauer expón, sen medias tintas, os graves riscos aos que se enfronta Europa, así como os mecanismos económicos e os instrumentos lexislativos que promoven tal destrución, unha imaxe na que tamén se reflicte Galicia e que debe servirnos de advertencia.
Porén, esta obra tamén dá motivos para a esperanza e recolle un pequeno catálogo de experiencias transformadoras reais que, especialmente no ámbito urbano, amosan o camiño cara a unha mudanza ecosocial sustentada por solos sans.