'A Galicia deseñada': unha viaxe polos símbolos, marcas e a identidade visual do país ao longo da historia
A Galicia deseñada é un percorrido único pola historia e cultura do deseño galego, narrado a través dunha selección de 100 símbolos, marcas e identidades gráficas que axudan a entender como evolucionou o noso patrimonio visual. Esta obra nace coa vontade de contribuír á creación dunha historiografía do deseño galego e de ofrecer un catálogo de referencia para a divulgación, consulta e inspiración para as deseñadoras e deseñadores do presente e do futuro.
Organizada en cinco períodos históricos —dos antecedentes á contemporaneidade—, a publicación non só traza unha secuencia narrativa coherente, senón que tamén busca establecer pontes entre épocas, interpretando a historia como un relato colectivo.
O volume, de 700 páxinas, divídese en tres partes: unha primeira, con textos que exploran a nosa memoria gráfica no contexto dos grandes movementos globais; unha segunda, que presenta cen marcas acompañadas de explicacións contextuais; e unha terceira, de 250 páxinas, que reúne fotografías de aplicacións gráficas en soportes tan diversos como carteis, libros ou obxectos.
A Galicia deseñada é, en último termo, unha invitación a tomar conciencia do noso patrimonio gráfico e a celebrar o deseño como unha ferramenta esencial ao servizo da sociedade.
A Galicia deseñada
- A trazabilidade dos símbolos de Galicia
- As primeiras industrias
- Os laboratorios bioquímicos
- Os símbolos do Laboratorio de Formas de Galicia como pioneiros dos programas gráficos
- Marcas con letras. A tipografía en Galicia máis alá da letra galega
- Cultura pop, deseño e gráfica popular nos anos setenta en Galicia
- As identidades territoriais: da heráldica ás marcas-cidade
- A comunicación política, sindical e do activismo social
- A sistematización da identidade corporativa: da práctica intuitiva á estratexia
- Modernidade e posmodernidade
- A proxección internacional da imaxe de Galicia a partir dos mitos-de-lugar
- Os grandes centros culturais e a normalización da cultura
- A incorporación da muller ao sector do deseño
- Do símbolo ao sistema. A identidade corporativa como sistema gráfico no século XXI
Escolma de símbolos, marcas e identidades gráficas
- Antecedentes (ata 1900)
- Industrialización e vangardas (1900-1936)
- Autarquía e modernidade (1939-1978)
- Democracia e posmodernidade (1979-2005)
- Contemporaneidade (2006-2023)