É inverno en Västerby, unha pequena localidade na costa do mar de Botnia. A neve acugúlase e a vida parece suspendida. Anna Aemelin, afamada ilustradora de libros infantís, vive illada do mundo nunha ampla e solitaria casa de campo que outrora foi dos pais. Pero a súa vida cambia coa chegada de Katri Kling, unha moza seria, intelixente e implacable que se fai acompañar dun impoñente pastor alemán, mira polo seu irmán Mats, dez anos máis novo, desconfía da xente e rexeita sen vacilar calquera asomo de cortesía. A relación entre as dúas mulleres dará pé a un xogo sutil no que non sempre queda claro onde acaba a axuda e principia o interese. Non obstante, estes equilibrios de poder (non só entre elas, tamén entre a veciñanza, con personaxes ben perfilados, tales como a señora Sundblom, o tendeiro ou Edvard Liljeberg) son só unha parte do todo, pois tanta ou máis forza ten na novela a prosa envolvente e sen artificios da que se serve Jansson para construír a que probablemente sexa a súa obra máis ambigua, con algunhas verdades incómodas. Publicada orixinalmente en 1982, esta novela de marcado cariz psicolóxico explora, polo tanto, non só a cuestión de honradez, senón tamén temas de calado como a construción da identidade, a relevancia do diñeiro ou a necesidade de compañía.