Seguindo a aparente inestabilidade daquelas ideas que se transformaron e, así e todo, mantiveron a súa función —metamorfoseadas— na Idade Moderna, este ensaio de Carlos Lema pescuda na súa translación do neoplatonismo ao cristianismo, na súa manifestación posterior na Ilustración e no saber científico como saber verdadeiro.
Desde a Grecia antiga á Revolución Francesa, desde os mitos e a descrición do mundo no Timeo á teúrxia e á teoloxía dos primeiros séculos da Era Cristiá, desde Agostiño de Hipona e Descartes ao culto do Ser Supremo na Francia de Robespierre, trázase aquí o percorrido da idea de orde aplicada ao mundo cunha finalidade transcendente; búscase a procedencia dese poder que logra reducir todo acontecer á inconsistencia.
A crítica á orde transcendente remóntase, pois, á relación de confianza da orientación cosmolóxica grega antiga e á súa reformulación nunha idea de cosmos que, nos tempos modernos, acabaría substituída pola crecente necesidade de dominar o mundo.