Sinopse Publicada por vez primeira no ano 1933 pola editorial Nós de Ánxel Casal, A modelo de Paco Asorei relata unha apaixonada historia amorosa entre o xove estudiante Diego de Longarela e a poeta ourensá Lucinda de Gundisal. Con anterioridade, fragmentos da parte inicial do libro foran aparecendo por entregas no semanario El País Gallego, que o seu autor, Xoán Xesús González, fundara en 1927. A acción da novela céntrase na idílica relación sentimental que manteñen os dous mozos ao longo de dous intensos meses que ela pasa en Compostela. No ambiente compostelán prodúcese o feito que dá título á novela: a decisión de que o escultor Paco Asorei faga un busto da moza. Elemento que en principio puidera parecer anecdótico pero que para o autor terá un profundo sentido simbólico no relato.