Un grupo de nenos que queren coñecer como berran os ourizos, un rapaz que mira o seu reflexo no gume dun coitelo antes de matar o seu primeiro porco, unha nena cega que é violada e quere desfacerse dese alcume ou un pintor que se arrepinte dos asasinatos cometidos para inspirar a súa obra. Estas son algunhas das historias que compoñen "A pintura debida", un libro de relatos enfiados entre si, onde a miseria, a violencia ou a inxenuidade infantil focalizan a trama de cada narración.
A través de diferentes perspectivas, desde os ollos dun cativo en tempos de posguerra ata os dunha libreira na actualidade, o autor consegue debullar a crueza do cotián e cédelle o pincel da piedade a uns personaxes que se enfrontan a cadanseu lenzo en branco.