“Se algo ensina a biografía de Virxinia Pereira é que a vida é un camiño incerto”. Así define a xornalista Montse Fajardo a forma de estar no mundo dunha muller que fixo moito pola cultura galega e as ideas republicanas, e da que poucos coñecemos a súa importancia. Coñecida sobre todo por ser a dona de Castelao, Virxinia Pereira foi unha muller polifacética que loitou moito soa sobre todo cando o seu home comezou a andaina política, que os levaría ao exilio despois de que impactase o golpe de estado naquel verán fatídico de 1936.
Consciente de que aínda existen moitas mulleres agochadas tras a sombra dos seus maridos, a autora vilagarciá reconstrúe a vida de Virxinia Pereira no libro A vida incerta, que foi editado polo Concello de Pontevedra, que tamén aprobou recentemente o nomeamento dunha rúa da cidade co nome desta muller que precisamos recuperar, sacar dese esquecemento. Porque xa sabemos que a historia teimou sempre en ocultar o traballo das mulleres, en poñelas sempre detrás dos homes, e en facer que elas tivesen que renunciar a cumprir os seus soños para servir aos intereses deles. Así lle aconteceu un pouco a Zenobia de Camprubí, casada con Juan Ramón Jiménez, ou mesmo a María Teresa León, que compartía a súa vida con Rafael Alberti. E cando eles querían ser xenios, elas simplemente se ocultaban e se situaban nun segundo plano. Así é un pouco a vida de Virxinia, malia que desempeñase unha gran labor na recuperación do traballo de Castelao tras a morte del no exilio e puxase forte para que o Museo de Pontevedra adquirise parte do traballo deste como ilustrador.
A pesar de ser unha muller forte, valente, que tivo que enfrontar a morte prematura dun fillo, Virxinia ficou esquecida, eclipsada por Castelao, e sen que o conxunto da cidadanía se preguntase pola súa existencia. A súa vida, con todo, non foi baleira, tal e como a describe Alfonso Fidalgo Pereira, o seu sobriño, nun artigo publicado en La Voz de Galicia no 1986, no que di:
“Non asumiu o papel conformista de esposa resignada e dócil á sorte do seu compañeiro. Lonxe diso acometeu unha participación activa en gran número de actos e manifestacións públicas nos que lle era dado intervir. Así foi durante a vida de Castelao e logo de morto”.
O libro de Montse Fajardo contén moito material bibliográfico, fotografías de Castelao e de Virxinia, fragmentos de cartas que compartía con pensadores da época, como Otero Pedrayo ou Valentín Paz Andrade, e mesmo ilustracións que Castelao realiza dela. O foco está posto en Virxinia Pereira, e toda a análise se constrúe en base a ela, que foi o cometido principal desta publicación coa que Montse Fajardo segue investigando na recuperación da figura das mulleres, traballo que xa levou a cabo con gran humanidade e humildade en Matriarcas, Un cesto de mazas ou Invisibles. Relatos do maltrato. O que ela pretende é achegar luz, facer que as mulleres falen coa propia voz e que deixen de ser explicadas polos homes. Visibilizar. Bonita palabra que cada día adquire maior importancia.