Alguén así expresa a tensión íntima que caracteriza as expresións vivas da fe. Suxire a firmeza de fondo, a confianza que nunca falla. A súa unión dinámica co alguén apunta ao inacabamento da comprensión, ao ámbito sempre aberto do Misterio. Empeza pola exposición directa e familiar do central na fe. Faino en dous capítulos: o primeiro, cunha linguaxe máis de anuncio que de fundamentación teolóxica; o segundo acode ao rexistro simbólico, buscando a forza suxestiva de catro metáforas luminosas. A parte segunda é xa de clara formulación teolóxica, con tres capítulos: o primeiro de fundamentación radical, apoiado na creación-por-amor; os outros dous explicitan dúas consecuencias de especial relevancia para unha comprensión consecuente da fe na cultura actual: o problema do mal e o da oración de petición. A última parte conclúe o camiño abordando cuestións de claro talante especulativo que, dende a soleira da filosofía, se achegan ás fronteiras do místico. Poden ser interesantes para o curioso lector ou a curiosa lectora, pero son perfectamente prescindibles para os que prefiran non se internar neses eidos.