Karel Capek (Malé Svetonovice, 1890 – Praga 1938) é un dos escritores checos máis sobranceiros do século XX. Tras estudar filosofía en Praga, Berlín e París, empezou traballando como bibliotecario e educador dun conde, para despois consagrarse á súa carreira de xornalista, escritor, dramaturgo e incluso director de teatro. A súa ampla obra abrangue moitos xéneros: contos para nenos, relatos de viaxes, literatura realista, filosofía, relatos fantásticos, obras teatrais e ficción científica, sendo este último xénero o que lle outorgou máis sona internacional. Caracteriza a súa obra o seu senlleiro sentido do humor, unha fina ironía e, en numerosas obras, unha voz que advirte dos perigos do totalitarismo e o incipiente fascismo que ameazaba a nova Checoslovaquia, como por exemplo en Bílá nemoc (a enfermidade branca), onde fala dun terrible mal contaxioso que se espalla rapidamente. Trata temas tan actuais como a mecanización do ser humano na sociedade industrial ou as armas de destrución de masas. Se hai algo fundamental na caracterización da súa obra é o seu dominio da lingua, o extenso vocabulario do que fai uso e a súa forza expresiva. Malia ser un dos máis grandes da literatura checa do século XX, o réxime comunista non recoñeceu a súa importancia. Pronunciouse en contra do fascismo alemán, pero tamén se distanciou dos comunistas, pois non cría na ditadura do proletariado como única forma de organizar a sociedade.
Como se prepara a terra dun xardín? E que sementes cómpre mercar sen falta este ano? Como plantarlle cara a unha mangueira rebelde? Hai algo que un apaixonado da xardinaría poida facer durante o frío inverno para non sucumbir á morriña polo seu xardín, mergullado no letargo invernal? Karel Capek dedícalles ós amantes da xardinaría este libriño onde ofrece consellos sobre os traballos, as ledicias e as preocupacións do xardín e instrucións mes por mes para o seu coidado.
Porén, este libro é moito máis ca un detallado manual de xardinaría: co seu proverbial sentido do humor, Capek achéganos de xeito tenro e entrañable ó amor pola natureza, dentro dese decidido pacifismo que plasmou en tantas obras.