Antonio Fernández López foi un deses galegos que fan país dende calquera espacio que atopen. A súa figura de empresario, que partindo dun negocio familiar consiguiu crear e dinamizar empresas como Zeltia, Frilugo, Tranfesa, Frigsa ou Cementos Noroeste entre moitas, aparece engrandecida cun labor filantrópico excepcional. Mesmo no eido dos negocios, Fernández López foi un adiantado da galeguización empresarial. Do seu labor de benfeitor e de filántropo queda constancia na creación da escola de Fingoi e da Fundación Menela, na promoción de escolas especializadas, dos cursillos impartidos a mestres rurais, dos concursos de colleitas de material folclórico, da creación de cooperativas escolares, a súa participación en Galaxia e na Fundación Penzol, etc.