O libro Aprendendo a xestionar o público é froito do traballo colectivo dun grupo de profesoras e profesores da Facultade de Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo. Conmemora os 25 anos dos estudos de Xestión Pública na institución, nun percorrido que comezou coa diplomatura en Xestión e Administración Pública e culminou na actual oferta de Grao en Dirección e Xestión Pública, en modalidade presencial e virtual, así como do Máster online en Dirección Pública e Liderado Institucional. A obra é, ao tempo, homenaxe e reflexión compartida sobre un proxecto educativo híbrido, sustentado na colaboración entre docentes, estudantes, persoal técnico e administrativo, antigos alumnos e múltiples institucións públicas e sociais.
O volume estrutúrase en tres partes. A primeira, de carácter contextual, analiza a institucionalización dos estudos de xestión pública en España e Galicia, repasando as diferentes experiencias impulsadas polas universidades públicas. Este apartado salienta a evolución dende os títulos tradicionais cara a formatos híbridos e flexibles, necesarios para dar resposta a unha cidadanía diversa e a novos perfís profesionais.
A segunda parte céntrase na coordinación académica virtual e na complexidade que supón deseñar títulos en liña nas universidades públicas presenciais. Subliñase a importancia da xestión académica, a avaliación, o seguimento e a mellora continua como elementos centrais do Grado en Dirección e Xestión Pública. Tamén se aborda o papel do profesorado como axente de innovación, que debe deseñar estratexias adaptadas a un alumnado diverso e en contornos virtuais.
A terceira parte recolle experiencias concretas de innovación docente. Inclúe exemplos de aprendizaxe baseada en soportes audiovisuais, estudos de caso aplicados á xestión pública, dinámicas de avaliación cooperativa, e propostas de Aprendizaxe-Servizo en materias de Dereito Financeiro. Estas prácticas mostran como é posible garantir a calidade e o rigor formativo tamén en contornos virtuais, conectando os contidos académicos coa realidade profesional e institucional do sector público.
A obra propón pensar a innovación educativa non como un fin en si mesmo, senón como unha ferramenta ao servizo da cidadanía e da mellora das políticas públicas. A súa vocación é institucional e transformadora: contribuír a configurar espazos de aprendizaxe significativa, orientados por valores democráticos e de servizo público. O camiño que propón esta publicación é híbrido, colaborativo e sostible, e apunta cara ao futuro da educación superior pública en Galicia e no conxunto do Estado.