Sinopse
No tronco dunha vella sobreira agóchanse a risa do vento ou talvez o asubío dun xílgaro que coñece os segredos do bosque. Quizais sexa tan só a sombra dun fuxido republicano, un maquis que ten as mans negras da tinta do seu oficio de impresor. Serán só David e Antía, dous rapaces que viven unha conmovedora historia de amor e exilio interior e exterior no bosque, os que descubran o seu rastro invisible de paxaro de voo truncado. As horas rotas fálanos de feridas nunca pechadas, de como o pasado determina as nosas vidas ou de como as batallas comezan cando a loita remata e, para facelo, bota man de diferentes planos espaciais e temporais ao longo de varias xeracións de mulleres que sofren as consecuencias devastadoras dunha guerra que parece non rematar nunca. Escrita cun ritmo poético de notable factura evocadora, As horas rotas supón unha nova achega a esa reelaboración sentimental ideolóxica e moral da memoria de noso.