Gañadora 'ex aequo' do VIII Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil (2018).
'As voces da auga' destaca pola calidade de lingua empregada, a orixinalidade da proposta e o intenso labor de recreación dunha sociedade xeográfica e culturalmente tan distante como a chinesa. As voces da auga relata unha historia de supervivencia e de aposta pola vida nun contexto histórico especialmente complexo, máis alá dos convencionalismos.
***
Neses instantes, no interior do río, Li sentíase tan transparente coma o cristal. Entón, como polas noites antes de adormecer, podía escoitar de novo con nitidez as voces da auga, como unha chamada que non a enxordecía coa súa cantilena monótona de ave de paso, senón que lle infundía esa forza descoñecida das ondas que galopaban, propiciando que ela tamén formase parte dese mundo líquido e poderoso que, alí no fondo do val, se arrastraba lento coma unha búfala preñada, porque era alí, precisamente naqueles remansos, onde a voz do río berraba arrastrando consigo tamén a fondura dos cavorcos da terra.