“Asulagadas” reúne 101 poemas (2965 versos) e Suso Díaz considérao un libro “inacabado”, polo que “sigo escribindo sobre o val e agardo facelo moito tempo”. O autor explica que, “en certa maneira”, este poemario “levábao dentro, mais por unhas razóns ou por outras ía demorando a súa escrita, ata que no outono do ano 2018, unha vez máis, o encoro volveu deixar ao descuberto boa parte das aldeas, principalmente de Aceredo. Pedro, o noso fillo, insistíalle a súa nai que quería ir ver a que fóra a súa aldea. Foi naquela visita cando escribín o poema “Aceredo”, que está no libro que lle dediquei a el, “PEDRO”; e ese mesmo día escribín outro poema que vai en ASULAGADAS, e se titula “Resistir ollando na memoria”. Despois xa foi un non parar ao longo dun ano, máis ou menos, que me levou escribir a maioría dos poemas, pois, algúns xa os tiña escrito tempo atrás”.