Este Caderno da Revolución Cultural reúne as colaboracións de Xavier Queipo no programa Diario Cultural da Radio Galega ao longo dun ano. Son o resultado dese comprometerse a ser e neles descubrimos as preocupacións, os intereses, os afectos intelectuais, a cosmovisión, en fin, dun dos autores máis persoais da literatura galega contemporánea. No Caderno da Revolución Cultural atópase, a curiosidade do viaxeiro e se demorar na profundidade do detalle, a mirada analítica do científico a se expandir nos territorios da imaxinación, a aventura dos sabores que adxectivan e singularizan cada xesto, cada palabra, as paixóns mariñas, as querenzas asiáticas, as deflagracións íntimas, as contradiccións da materia da vida -"que me paso a vida revisando dogmas e asolagando lastres"- e esoutras rutas que só abre o texto poético. Xabier Queipo pon no aire e agora propón en libro temas para o debate, dende o medio ambiente, o cambio climático ou os incendios até os tópicos identitarios, a Cidade da Cultura, o Día das Letras, ou as condicións do escritor, itinerarios abertos con percorridos que nos poden levar dos nomes das rúas aos entramados simbólicos que sustentamos