Cando levanten as brétemas é unha das novelas de maior transcendencia da literatura croata contemporánea. No momento da súa publicación en lingua orixinal, no ano 2000, foi moi ben recibida pola crítica e o lectorado. O dito feito permitiulle ao seu autor iniciar unha carreira profesional como escritor, e á obra, espertar o interese internacional e contar con traducións ao alemán e inglés. Trátase dunha narración honesta que, mediante a combinación de diálogos simples e pasaxes descarnadas, reflicte as vivencias de varios personaxes (en especial do protagonista, Jakov Serdar) durante o cruento conflito de Bosnia; Mlakic achega unha visión persoal da contenda, pois escapa dos modelos clásicos da novela bélica para abrazar un ton case autobiográfico.