Historia de alienación e identidade, Un casoiro ben mal amañado narra as peripecias vitais dun adolescentes punxabi, Manny, que se debate entre manter as relacións familiares e vivir a súa propia vida. A mañá do seu casamento, que asemade é a mañá do seu dezasete aniversario, Manny pasa revista á súa vida para se decatar de que os seus valores persoais non son os mesmos que os valores da comunidade punxabi onde vive. Manny non ten nada en común con seus irmáns, que viven na ignorancia doutros mundos posibles, nin con seus pais, que viven na somnolencia que lles producen os litros de alcol que inxire cada día, no caso do pai, ou esa non rebelión contra o sistema establecido, no caso da nai. Así, ao se decatar de que a única opción para amañar as relacións coa familia é aceptar o casamento amañado con só dezasete anos, Manny decide afrontar a súa propia vida e tomar unha decisión difícil de xeito valente. Escrita en primeira persoa, Un casoiro ben mal amañado narra de xeito cru e realista o intento de sobrevivir de moitas comunidades de inmigrantes en espazos culturais alleos e as contradicións que se xestan nas segundas xeracións no seo desas comunidades.