Sinopse
Coa vista fixa nas puñetas dos maxistrados da sala terceira, tíveno claro: Sería un xuíz o protagonista. Non había dúbida. Cada un debía escribir do que mellor coñecía e eu tiña de ollo a media ducia de malditos xulgadores ata o punto de contar cun argumento case feito. Si, nada máis literario que esta xustiza nosa, e nada máis dado ó persoal, que é tanto como dicir tarabelo, vertoleiro. Con ese xuíz non se che ocorra vir sen gravata. - con aquel nin se che pase pola cabeza dicir algo en galego. - con ese outro tes que cortar a barba e o bigote. - este fulano do social hache tocar as mans por se che pilla algún calo e pode así quitarche a invalidez, así que xa sabes, cliente: pedra pómez e talco ben fregados cinco días antes da vista. Por certo, con aquel outro case xubilado da maxistratura, sobre todo non poñer as mans no peto, que é tanto como ser condenados en costas...Como non me tiña eu decatado antes de que a rente desa alegoría de ollos vendados, calquera acomplexado pode sentirse o brazo executor dun alporizado Deus do Pentateuco, só porque un día, diante dun tribunal adurmiñado, recitou de memoria o censo enfitéutico que lle cadrou en sorte.
"Premio de Narración Curta" Ricardo Carvalho Calero