Colleita vermella publicouse por vez primeira nos Estados Unidos de América en 1929. Trátase dunha obra pioneira do xénero negro, hoxe considerada pola crítica como unha das mellores novelas en lingua inglesa do século XX. Para amantes do hard-boiled, é de lectura inescusable: porque serve de modelo para a multitude de obras pulp que virían despois (non só na literatura senón tamén no cinema); por ser a primeira novela co axente da Continental como protagonista, personaxe insignia –xunto con Sam Spade e o Philip Marlowe de Raymond Chandler– do xénero; por algunhas escenas e diálogos verdadeiramente xeniais: segundo o existencialista galo André Gide, «o último en atrocidade, cinismo e horror»; pola súa complexidade a case calquera nivel: foi lida como enxeñosa alegoría, como apoloxía marxista do sindicato organizado (para o caso, a mafia) e como virulenta comedia negra ao redor do asasinato.
A historia arrinca coa chegada dun detective privado á gris cidade de Personville. A cada movemento do protagonista, xorden novas complicacións: verase inmerso en sanguinarios enfrontamentos entre bandas rivais e coñecerá as manobras reprobables realizadas á marxe da lei. Cabe sinalar que a trama se intrica até extremos insospeitados, pero iso non fai senón acentuar o peso literario dunha obra fóra de serie.