Sinopse
Novamente a escritura exorciza o baleiro (perda, soidade, sensentido) na procura dunha restitución. De aí a imaxe obsesiva do oco, de natureza dolorosamente corporal, que convirte Contra Rochester da debutante Miriam Sánchez Moreiras nun poemario da oquedade. Está o oco inicial, denunciando a amputación do corazón nunha Jane Eyre adolescente, e as sucesivas fendas, feridas, picaduras que percorren o corpo; e tamén o oco do leito e o da letra u, ambivalente (útero e Ulises ausentado). Na mesma beira, a modo de contrapunto, artéllase a estratexia (ou Breve tratado sobre a gravidade) pola que o oco se transformará en receptáculo, presto a ser enchido, a adquirir a propiedade do grávido.