Sinopse
En Sárszeg, unha vila de provincias da Monarquía austrohúngara, habitan Ákos Vajkay e a súa muller na compañía da súa única filla, a fea e solteirona Cotovía. A viaxe de Cotovía para visitar os seus tíos no campo, causa de tristura nun principio, espértaos ás cores do teatro, aos recendos e sabores do restaurante Rei de Hungría, ao xogo do tarot, á vida en sociedade… a unha vida esquecida, soterrada baixo a orde e a rutina.
Co seu característico humor e fonda finura psicolóxica, Kosztolányi presenta en Cotovía un revelador retrato dos Vajkay e pinta un vivo fresco da súa Szabadka natal, onde por veces amosa, outras veces suxire, a face e o envés dunhas personaxes contraditorias, o colorido agachado baixo unha superficie de grises ou o drama oculto tras da caligrafía ordenada dunha carta.