Q de Vian Cadernos é unha iniciativa do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar, que con este primeiro número busca incidir na visibilidade da produción artística galega. Esta colección nace con afán de continuidade, polo que periodicamente abrirase a porta deste espazo á participación de artistas galegos e galegas, así como a autores e autoras de países lusófonos cos e coas que xa actualmente se manteñen relacións.
De Castro.- Colectánea poética de Alba Méndez e Alberte Momán, que unifica a visión de ambos sobre a obra e a figura de Rosalía de Castro, icona da literatura e a identidade galegas. Lonxe de todo academicismo e de pretensiosas actualizacións que estarían fóra de lugar, trátase dunha apropiación da obra da autora galega, para achegala á de dúas persoas diversas nun exercicio de posta en común, non exento de conflitos.