Reúne este volume artigos, estudos e traballos varios de case unha década, a inicial deste século, todos eles referidos á lingua de noso. Ben quixera a autora que todo o aquí reco-llido non tivese nada a ver coa actualidade e formase parte só dunha recordación do pasado. Pasado superado polo cam-bio linguístico favorábel á lingua nativa e nacional, á lingua galega. Lamentabelmente, non é así. Como todos eles van ordenados simplesmente de forma cronolóxica, quer a casua-lidade que o primeiro, do ano 2000, se titule cunha pergunta que, hoxe, volve ter, por desgraza, toda a vixencia: ¿a quen ofende o (idioma) galego? Xogabamos daquela coa dupla posibilidade: o nome da lingua e nós mesmos, a Galiza, as galegas e os galegos, metonimia e símbolo que seguen a ser practicábeis no presente: ¿a quen lle sobra -si, sen eufemismos-a existencia da Galiza e do signo principal que a exterioriza? ¿Vai ser mais potente a forza destrutora dos colonizadores de antano e de hoxe, en alianza co autoodio dos nativos, do que a ansia por deixar de liquidármonos?