Sinopse "Dous membros do colectivo poético A Porta Verde do Sétimo Andar, amigos ademais, formuláronme un reto o verán do ano pasado: organizar unha escolma poética entre aqueles textos literarios que foron vendo a luz entre as numerosas publicacións deste colectivo que cumpre agora dez anos de feliz e celmosa andaina. O resultado desta encomenda está a chegar: unha antoloxía que testemuña a longa vida d´A Porta Verde e o seu latexo creativo. Para min constituíu unha experiencia enriquecedora e formativa poder esculcar na orixe, desenvolvemento e proxección deste colectivo que quixo e quere achegar á poesía á rúa, aos bares, ás feiras e aos espazos máis desemellantes. Asemade, a lectura, e nalgúns casos relectura, dos libros que a plataforma poética foi dando a coñecer supuxo unha (re)descuberta de moitas voces que, particularmente, me pasaran desapercibidas. Non foi doado o labor de antologar composicións, sempre subxectivo pero feito desde as instancias de amosar, ao meu ver, parte do mellor que cada voz quixo incorporar á historia deste colectivo, por extensión, á historia da poesía galega de hoxe. Grazas pola confianza, en especial pola axuda recibida a Alfonso Láuzara e Miguel Ángel Alonso Diz. A extensa nómina de poetas que formaron ou forman parte do colectivo e que aparecen nesta antoloxía son Alberte Momán Noval, Alfonso Láuzara Martínez, Manolo Pipas, Miguel Ángel Alonso Diz, Rosa Enríquez, Ramiro Vidal Alvarinho, Iolanda R. Aldrei, María José Fernández López, Abilio Rodríguez, Cruz Martínez Vilas, Rosa Martínez Vilas (rosanegra), Luís Viñas, Elvira Ribeiro Tobío, Alba Méndez, María N. Soutelo, Virgílio Liquito,Verónica Martínez Delgado, José Estévez, Rochi Nóvoa Vázquez, Marília Miranda Lopes, Xosé Iglesias, Pilar Mera Costas, Ana Cibeira, Kiko Neves, José Manuel Nunes Vilar, Lino García Salgado, Xavier Frías Conde, Naír G. Abelleira, Toño Núñez, Lois Pérez, Miguel Alonso Fernández, Patricia Sánchez Abeal, Marta Pedrosa Agra, Lucía Novas Garrido, Asun Estévez, Xosé Daniel Costas Currás, Aurelino Costa, Alberto Augusto Miranda, Bruno Miguel Resende, Concha Rousia, Fátima Vale, Eva Méndez do Roxo, Xavier Vásquez Freire e Xurxo Nóvoa Martins. Grazas tamén a todas e todos eles. Abaixo algunhas das persoas que forman parte d´A Porta Verde."