O Dicionario Xurídico Galego recolle unha primeira e fundamental escolma de entradas (arredor de 2.000) nas que se presentan en galego normativo conceptos esenciais do Dereito, información crítica sobre a lexislación vixente en España e, de xeito especial, termos e institucións propias do Dereito Civil de Galicia. A obra foi redactada por 120 autores, organizados en seis áreas: Dereito Civil, Notarial e Rexistral, Penal, Social, Procesual e Teoría do Dereito. Este dicionario, coeditado por Xerais e a Xunta de Galicia e que contou coa colaboración de Rexurga (Revista Xurídica de Galicia), pretende, en palabras de Luciano Varela, ser «útil para se entender entre eles, cando menos, os que traballan no ámbito xurídico, sen perda do significado especializado dos termos nin do sentido dos enunciados usados nos escritos e conversas».