Sinopse Un oso que habita nos canos dun edificio vai descubrindo a estraña e solitaria vida dos seres humanos. Trátase dunha historia asombrosa, fiel expoñente da literatura de Julio Cortázar, que incluiu este relato no seu libro Historias de cronopios y de famas”, considerado polo autor arxentino Alberto Cousté como “unha sorte de ética, disfrazada polo humor e protexida da solemnidade pola tenrura”. Cortázar reúne nesta obra unha sucesión de situacións imposibles, retazos do seu humor surrealista que socavan o racionalismo trivial e mecanizado, cos que expresa a súa rebeldía contra os obxectos e as persoas que constitúen a nosa vida cotiá e a nosa maneira mecánica de relacionarnos con ela. A palabra “cronopio” xurdiu por primeira vez en 1952, con motivo da crónica dun concerto ao que Cortázar asistiu en París en homenaxe a Igor Stranvinsky. Mentres o público saía no entreacto, o escritor permaneceu no teatro, onde percibiu a sensación de que “había no aire personaxes indefinibles, unha especie de globos que vía de cor verde, moi cómicos, moi divertidos e moi amigos, que andaban por aí circulando”. Deulles ese nome e dixo dos cronopios que “son un pouco a conduta do poeta, do asocial, do home que vive un pouco á marxe das cousas”, por contraposición ao concepto de “famas”, que atribuiu a “grandes xerentes de bancos, presidentes das repúblicas, a gente formal que defende a orde”.