Unha querenza agreta e, polas fendas, cóanse, oportunistas, as incertezas, que invaden a rutina, asolan o desexo e culminan co derrubamento dos corpos. Intemperados xacen, pero as ascuas permanecen latentes, nun afán por tentar o rescate: as intencións minguadas insisten na confianza; as epidermes erosionadas esfórzanse no tacto; as bocas desaboridas buscan reparar a memoria.
A ausencia, o desacerto, a fraude e outros desencantos nutren este texto, e conflúen nunha secuencia de fotogramas que o autor arrebola coma proxectís, co propósito de perforar a carne da lectora, sen danarlle os órganos, mais procurando que a metralla desalentada enquiste, e levede, nas súas entrañas.