En 1949, Luís Seoane poñía, por primeira vez en trece
anos de exilio na Arxentina, os pés no continente europeo, onde pasa cinco meses entre París e Londres. Na travesía de regreso a Bos Aires, aproveitando unha escala técnica que realiza o Highland Princess no porto de Vigo, el e a súa dona poden verse e conversar con algúns vellos amigos durante tres breves horas. Xa de novo a bordo do paquebote, aguilloado por un sentimento de derrota persoal e xeracional, Luís Seoane acomete, pola pura necesidade de expresar o seu desacougo, a composición de «Dende o Highland Princess», o segundo dos dous poemas que utilizará de pórtico en Fardel de eisilado, cando se decide a publicar o poemario en 1952. Para ilustrar o que era o seu primeiro libro de poemas, o artista utilizará ademais os debuxos que realizara dos emigrantes que compartiran con el as longas horas de ocio no «combés de terceira» do barco.
Fardel de esisilado é a achega firme dun artista plástico xa de éxito en 1952 que elixe a expresión poética, deliberadamente e porque se sente dotado para traballala, co propósito de enunciar a súa persoal reflexión sobre a emigración e o exilio; segundo o poeta, dúas facianas converxentes nunha idéntica realidade, caracterizada polo alleamento e a exclusión social.
A condición de libro icónico que adoito se lle atribúe a Fardel de eisilado obedece, en non pouca medida, ao cambio que a súa publicación introduciu na lírica galega, que Luís Seoane orienta cara aos eidos do socialrealismo, servíndose dunha linguaxe de intención prosaica pero de ambición épica.