É ben sabido que a historia ten una débeda coas mulleres. Moitas foron silenciadas, invisibilizadas ou agochadas por pertenceren a ese xénero tantas veces proscrito. É tempo de cambio, de erguer a voz, de devolverlles o que foi delas, de crear futuro e restaurar (na medida do posible) aquel pasado. É tempo de equidade. Por iso este libro, de xustiza poética, vai por e para elas, mulleres pioneiras, valentes e loitadoras. Feminino singular, en plural é un canto agradecido a mulleres que loitaron individualmente e con moitos atrancos pola súa colectividade para intentaren acadar unha sociedade máis afable, xusta e de igualdade entre mulleres e homes. *** Neste libro encontrarás unha serie de poemas biográficos, ilustrados por Laura Romero, dedicados a mulleres galegas singulares, que fixeron cousas moi importantes pero que foron ocultadas e silenciadas ao longo da historia, tamén outros nos que recorda as mulleres anónimas, as máis próximas a nós. Poemas que comentan Sabela e Roi, unha nena e un neno coma vós, ás veces con sorpresa, porque non sabían dalgunha delas nin das súas vivencias e méritos malia os anos transcorridos. Animádevos a seguir a proposta de Concha Blanco e creade vós tamén unha biografía ou poema sobre mulleres que consideredes singulares, que pensedes deban ser coñecidas para divulgar o esforzo que realizan no seu ámbito de actuación