A Francia do século XII arrola cun eco occitano unha historia universal do amor mozo que vence as dificultades e os perigos. Con trama argumental traída do Oriente tece unha mensaxe de tolerancia e de paz para o Occidente en tempos de ferro e sangue. Máis ca diante dos cabaleiros da Apocalipse e da cruzada contra o Islam, estamos nun universo que pode evocar o amor cortés e as cantigas de amigo. Por iso se caracterizou esta composición como “romance de clerecía”.
O conto de Floris e Brancaflor traza un universo diferente ao das cancións de xesta ou do amor artúrico e cabaleiresco, precedendo a novela bizantina e –de lonxe– ao amor romántico e inocente. Cunha riqueza e arte literaria na expresión que asombra para aquel tempo, o das primeiras falas dunhas linguas románicas aínda case na nenez.
A historia comeza nunha Galiza asolada por unha razzia musulmá, mais non será o único vencello co noso país que suxire o relato.