Unha aldea, a morrer como tantas no país, miserenta e illada nun val que un día viviu o esplendor xurdido das minas do wolfram. Un sórdido parricidio que semella o desenlace dunha historia de violencia doméstica. A Garda Civil resolve coa detención do culpable un episodio "normal" nun sitio onde nunca acontece nada... E un xornalista, aprensivo ante a escuridade do día e dos acontecementos, remata por mergullar nun horror ao que se ven arrastrados cantos acoden ao lugar. Mais, como sempre, o verdadeiramente terríbel ninguén o cre e o misterio vai ocupando o val, silenciosa e implacablemente. Non se ve un alma por fóra. O medo reclúe a xente nas casas, mentres o inimigo, tan minúsculo como infinitamente numeroso, ataca con letal eficacia.