Que é vivir se non camiñar pola corda frouxa? Esta idea é o xermolo de Funambulistas. Na vida apenas hai certezas e mesmo aquelas ás que nos aferramos poden verse truncadas en calquera momento. Procuramos con teimosía a estabilidade (profesional, económica, emocional etc.) e, aínda que a teñamos, non podemos mantela definitivamente: a estabilidade é un agasallo vulnerable, sen garantías. Vivimos expostos a ventos e tempestades e dese xeito avanzamos pola corda inestable, as máis das veces sen rede.
Funambulistas é un libro de relatos –moitos deles ligados entre si– de ampla variedade de situacións, de circunstancias e de personaxes, nos que predomina a primeira persoa, a fin de que os protagonistas poidan expresarse con propia voz. Do dramatismo ao suspense, da denuncia ao humor, este libro de Mercedes Leobalde está protagonizado por mulleres e homes retratados en situacións moi diversas: algunhas cotiás, outras verdadeiramente excepcionais (o monxe en plena crise espiritual, o náufrago no medio do océano, a muller maltratada que reúne forzas para se rebelar, o xadrecista namorado, a ladroa do códice, a nai adolescente, o home con tendencias suicidas, a enferma terminal disposta a espremer os seus últimos meses de vida.).
Con Funambulistas, Mercedes Leobalde móstrase como unha hábil narradora para descifrar os camiños da vida.