O libro está estruturado en doce unidades didácticas incluíndo ao final unha Antoloxía de textos, Paradigmas e un Vocabulario. Cada unidade consta de tres partes interrelacionadas entre si: dúas referidas principalmente a aspectos culturais e unha máis centrada na lingua. Todas inclúen actividades. Nunha Primeira Parte, que dá título á unidade, ofrécese información sobre o mundo cotián e mitolóxico a través de textos traducidos e imaxes artísticas gregas; a continuación, e baixo o nome de Persistencia do mito, preséntanse textos e obras de arte que amosan a súa influencia na cultura galega e foránea. Incorpóranse tamén actividades e suxerencias de ampliación. A Segunda Parte é a especificamente gramatical. Ten explicacións breves e abundantes exercicios. Tradúcense primeiro frases e, progresivamente, textos orixinais. Insertamos unhas listas de vocabulario de "máxima frecuencia" -feito a partir dos autores máis representativos- pois consideramos que a súa aprendizaxe facilita o achegamento aos textos. Cada lista vai acompañada de diversas actividades (antónimos, derivación, helenismos, familias léxicas...) para unha máis doada e rápida adquisición de coñecementos léxicos. No segundo curso de Bacharelato é necesario que o alumnado ademais se familiarice co uso do dicionario. Nesta parte hai tamén un apartado denominado E se queres avanzar máis..., no que se oferta material de ampliación que permite adecuarse aos distintos niveis de coñecemento adquiridos polo alumnado.