Habitamos un mundo que se torna cada vez máis conceptual e visual, sen apenas marxe de manobra para a reflexión sosegada, para a observación minuciosa do que nos rodea, sen capacidade crítica. Ante este mundo podemos adoptar dúas posicións: ou ben ficamos caladas e avanzamos cara adiante, ou tentamos atopar o lugar que nos corresponde, loitar a través das palabras.
Dende unha reivindicación xorde o poemario #hashtags para un espazo agónico, no que Arancha Nogueira se posiciona entre dous mundos, unha técnica que xa empregara en spleen en catro tempos. En ámbolos dous, os versos van dende a tranquilidade ata a preocupación pola forma de vida que está a piques de desaparecer, mais tamén é unha crítica ante a deriva cara á que avanzamos. O espazo, tal e como o coñecemos, tende a desaparecer aínda que vivan persoas que lembremos o antes e o despois. Estes versos xermolan da inquedanza da poeta, desa voz que recolle o que veu antes dela e o pon no foco, unha voz que non é neutral senón que toma partido polas vivencias. Aproveitando a técnica contemporánea do #hashtag, a ourensá proponnos un exercicio poético que case é un reto: o de experimentar esa loita entre as paisaxes naturais que esmorecen ou destruímos e as reivindicacións que se fan nas redes sociais. Precisamente estas convertéronse nas ferramentas de protesta máis empregadas pola sociedade, a cal non dubida en mobilizarse a través das pantallas pero que fica calada e sen posibilidade de actuación ante a realidade máis urxente.
Estes versos gozan de actualidade, pois neles conflúen as redes sociais e a linguaxe dixital con esa visión do espazo que está a piques de desaparecer, e tamén a lingua que constitúe unha das nosas herdanzas que como pobo botamos a perder.