Nas altas esferas de poder da patria só hai psicópatas.
Neuróticos antolladizos que manifestan a súa absoluta carencia de empatía coa sociedade a través do coleccionismo de caprichos. A soidade empurra á empresaria Amalia Valverde a integrarse neste grupo de coleccionistas discretos e poderosos, mais a súa morte pon en marcha un novo reto a través da súa filla, Lara, e o seu amigo Andrés Caibo: reunilos no hotel Continente cun fin esperanzador.
Hotel para coleccionistas discretos é unha novela coral apegada á actualidade que deixa no aire máis preguntas que respostas nas súas múltiples lecturas. ¿Ata onde son quen de chegar por manter o seu status de poder os coleccionistas discretos? ¿Pode unha patria fráxil soportar os seus antollos?
Cun estilo moi persoal, onde resaltan a pulcritude expresiva e o dominio da palabra, Diego Giráldez pescuda na relación entre a literatura ficcional e a actualidade máis crúa, retorcendo a realidade con doses de humor e atmosferas delirantes.