A historia de Frank López -Francisco López García (1885-1967), natural de Bemantes, Miño- non é unha historia común, nin sequera dende os parámetros lexibles en que se moveron os anarquistas de orixe galega nos Estados Unidos. Mais, como escribir sobre alguén que apenas axiste? Aínda así, pode resultar de interese a historia dun simple individuo para explicar a traxectoria transnacional dun movemento, como o dos anarquistas galegos, e peninsulares, que, localizado nos Estado Unidos, tamén estendeu os seus brazos pola súa contorna xeográfica, nunha sorte de intercambio propagandístico, financeiro e axitador que o mantivo vivo e vixente durante os primeiros trinta anos do século XX.
Bieito Alonso ofrécenos en "Inimigos ás portas. Frank López e o anarquismo global" un material de extraordinario interese que nos achega a unha desas moitas persoas, nadas en Galicia, que desenvolveron un papel singular nalgún dos acontecementos históricos máis relevantes do primeiro terzo do século pasado.