A historia máis grave é a que condiciona que hoxe señan tan poucos os testemuños que fican do que se quere reconstruír. As circunstancias do ano 36 teñen esnaquizado, cando non queimado, moita documentación. Bibliotecas enteiras teñen alimentado fogueiras nas rúas e nas prazas de Galiza. Moitos dos que podían contar a historia foron privados da vida, outros perdéronse no exilio, e mesmo por medo moita documentación, e aínda material gráfico e plástico foi queimado ou feito desaparecer, pra non se ver comprometidas xentes que eran completamente alleas ao que se dirimía. Os institutos de Historia foron desmantelados e os que se ergueron sobre as súas cinzas coas xentes que ficaron acó tiveron que traballar con periodos da historia lonxana no tempo pra non se facer sospeitosos de querer saber e divulgar a historia recente, de xeito que, en xeral, hoxe sábese máis do eneolítico galego que dos periodos de cincuenta anos atrás. Iste é un dos dramas que temos na Historia de Galiza