Unha achega sobre a represión franquista en San Clodio de Ribas de Sil 11 de maio de 1937.Axiña amencerá. Once homes comparten a mesma cela no Cárcere Provincial de Lugo. Todos foran acusados de rebelión militar pola súa actuación na defensa da República entre os días 18 e 22 de xullo de 1936 en San Clodio de Ribas de Sil (Lugo): Nemesio Prieto Ferreiro, Manuel Álvarez Martínez, Enrique Martínez Franco, Bienvenido Bao Fernández, Albino Núñez Rodríguez, Manuel Díaz López “Mataovellas”, Bautista Martínez Fernández, Toribio Rodríguez Torres, Rogelio Padín París, Dionisio García Fraga e José Darriba Puente. José María Darriba Puente nacera en San Clodio o 13 de xullo de 1917 e era fillo natural de Alicia Puente Fernández, ‘A Licha’. Pero o seu pai tiña nome e apelidos: José Darriba Suárez e realizaba en 1917 o servizo militar en Madrid. En 1920 casou con Alicia e recoñeceu o seu fillo. En 1922, Darriba Suárez será destinado a León. O pequeno José recibirá unha educación relixiosa nos Maristas. O seu pai vai ascendendo na xerarquía militar e chega a sarxento. A vida sorríalle á familia até a proclamación da Segunda República o 14 de abril de 1931. No seu desexo de transformar e fidelizar o estamento castrense, o Goberno Provisional aproba uns decretos entre abril e setembro (refundidos na “Lei Azaña”). Darriba Suárez, monárquico e tradicionalista, solicita o seu pase á “situación de retirado”. Concedido en decembro de 1931 a familia volve a San Clodio. José Darriba foi fusilado a canda 10 veciños de Ribas de Sil o 11 de maio de 1937 José Darriba Puente ten 14 anos. Remata os seus estudos e traballa como caldeireiro para Pío López Ojea, industrial da localidade. Participa de forma activa na vida cultural do pobo como membro do grupo de teatro da Sociedad Cultural y Recreativa Artesana.