Lareira de soños condúcenos a lugares que nos nutren, lugares onde temos as primeiras emocións, sensacións e experiencias universais únicas, sitios cos que temos unha conexión emocional profunda e as nosas raíces inalterables.
Lareira de soños son as historias cotiás dun pequeno mundo da Terra Chá galega. Historias de persoas fundidas coa terra e na terra, coma as herbas dos prados nos que paceron os seus animais. Son momentos percorridos polas vidas deste pequeno universo chairego, que teñen en común con outras vidas doutros lugares do mundo, as angueiras e as calamidades coas que afirman que a vida é traballo e loita.
Son tamén relatos sobre a existencia das persoas máis novas, que viven aquí ou marcharon porque quixeron descubrir algo novo e non seguiron os pasos dos seus pais nin dos seus avós, aínda que a terra lles siga amarrada á pel.