Livro Das Devoracións

Autor
Pilar Pallarés PILAR PALLARÉS GARCÍA
Editorial
Espiral Maior Edicións Espiral Maior
ISBN
9788492646173
Idioma
Gallego
Publicado
2022
Nº de páginas
72
Formato
Rústica
Colección
Espiral Maior poesía
Dimensiones
140 x 210 cm
14,00€

Sinopse O Livro das devoracións recibiu o Premio da crítica galega e o Premio da crítica española, galardóns que testemuñan a calidade artística do poemario. Na obra, Pilar Pallarés manifesta unha sentida e íntima reflexión existencialista: a vida e a morte anóanse e loitan. Nesa ligazón entre vida e morte parece prevalecer a aceptación, non exenta de dor e rabia, da fugacidade do tempo, da condición efémera do ser humano e da inevitabilidade da morte e a asunción dunha actitude vitalista: “Non teño medo à morte: aprendin a posui-la e convertin-na en rito”. Un dos alicerces esenciais nos que se basea a aceptación do carácter fuxidío da vida e do ser humano é a palabra, esta parece posuír o poder de perdurar alén da morte: “renazo nos límites acuosos/ entre a palavra sombra/ e o terror do abandono”, “Entrego-che palavras/ cativos froitos que encetou a dor". O amor, escorado cara unha sexualidade e un erotismo evidentes, é outro dos fundamentos da mencionada posición vitalista: “fósforo aceso no cerne do teu oso/ desposuir-me/ ser-te/ no músculo que tensa as túas coxas/ na vea que azúlea no teu pulso”, “ouh miña amada besta/ impreca-me/ integra-me/ deglute-me/ sacia-te de ti en min”. Non obstante, outras veces asoma a desolación absoluta ante o inalterábel devir temporal e a inexorabilidade da morte: “ouh tempo tempo morte/ cordón umbilical que me amalloa”. A seu carón, agroma a necesidade de apreixar o presente e o desexo de permanencia, apoiado no emprego abondoso de vocábulos como “fica”, “resistirei”, “renazo”, “regreso”, “retorno”, “resurxirei”, “voltarei” ou “memoria”. Asoman tamén no Livro das devoracións a soidade, a ruína, a decrepitude, o feminismo ou a liberdade. Entre os recursos estilísticos dominantes figuran a metáfora, a interrogación retórica, o hipérbato e as construcións paralelísticas. Obsérvase tamén unha tendencia á prosa poética. Vida e morte, eros e tánatos, triunfo e derrota, optimismo e pesimismo, opresión e liberdade son algúns dos binomios en torno aos que se tece o Livro das devoracións, unha obra de posturas enfrontadas que destila unha gran intensidade.