A obra dun dos nosos grandes poetas clásicos, Eduardo Pondal, analizada coa visión moderna dun crítico, tamén poeta, de agora: Manuel Forcadela. Estamos ante unha indagación de grande altura na que se dan cita, por medio da intertextualidade e da aplicación dos seus métodos, algún dos mellores lectores literarios e culturais deste século: Gaston Bachelard, Gilbert Durand, Roland Barthes ou, mesmamente, Carl Gustav Jung e Mircea Eliade. Trátase dunha toma de contacto entre o primitivismo pondaliano, por unha banda, e os conceptos modernos dos estudiosos do símbolo, a antropoloxía e o mito, por outra.O exercicio, non alleo a certo estructuralismo, iníciase cunha ollada histórica exhaustiva das opinións que ten suscitado a obra pondaliana para, logo, presentárnola, con amenidade e rigor, desde un novo punto de vista, centrado, sobre todo, na descrición da imaxinación de Eduardo Pondal.Como resultado, unha visión insólita da obra dun dos mellores poetas europeos do pasado século.