As cousas prometíanse felices. Cambiar ao instituto Vicencio non tiña por que ser tan malo como semellaba ao principio, se alí ían estar tamén esas novas amizades do campamento de verán.
O que Constanza nunca esperara é que precisamente entre bromas e risos naquelas vacacións puideran ter invocado esa presenza arrepiante que agora pon en perigo todo o mundo. Ten que facer algo, e só Amelia, esa misteriosa amiga da que nunca lle falou a ninguén, entende o risco.
A ameaza está máis próxima, e cada vez son menos. Serán capaces de salvarse, e salvar os demais?
Esta novela xuvenil non só combina as características da novela de misterio con elementos clásicos da narrativa de terror, do horror de corte lovecraftiano, ou das presenzas inquietantes propias das películas de slashers. Nas súas páxinas tamén se mesturan recursos tan actuais como os creepypastas, nun diálogo entre as vellas e as novas formas de asustar.