O libro fundacional da narrativa de Cunqueiro, poboado de personaxes inverosímiles pero absolutamente verdadeiros cos que a invención do seu autor chega a cotas prodixiosas.
Merlín e familia saíu do prelo o día 25 de agosto de 1955. O primeiro exemplar foi recollido nos talleres do Faro de Vigo polo propio autor, o amigo Castroviejo e mais Alberto Casal, o novo mecenas vigués a quen ía dedicado o libro. A novela viña trascender a liña mantida pola literatura galega. Merlín, un mito universal, era desprazado do seu ámbito cultural e dotado de novos significados nunha Galicia atemporal. A crítica galega viuse, de súpeto, diante dun talento literario cheo de imaxinación e cunha prosa excepcional. O público, non obstante, non o vería así, pois o libro só acadou tres edicións galegas en vinte anos. Ata finais dos anos setenta, cando irrompe o realismo máxico dos escritores hispanoamericanos, a obra e a figura de Álvaro Cunqueiro non sería reubicada no lugar sobranceiro que lle corresponde.
A historia dun Merlín xa vello e refuxiado nas terras da Miranda luguesa chega ao lector a través do relato dunha testemuña directa, o paxe Felipe de Amancia, que lembra os tempos nos que traballou como criado do mago. A historia desenvólvese cunha permanente tensión entre o marabilloso e o cotián; pola casa de Merlín pasan numerosos e curiosos personaxes na procura de consello, mais tamén se narran as aventuras de Felipe cando vai facer os encargos do seu amo. Un universo único na literatura xorde nas fascinantes e engaioladoras historias que conta esta novela, que desde o momento da súa publicación supuxo un fito no tocante á renovación da narrativa galega. En Cunqueiro, a arte do narrador, adobiada dun fino sesgo humorístico, sorprende pola capacidade para facer convivir o mito co mundo cotián.