Sinopse
Miguel González Garcés, mineiro de luz é un exhaustivo estudo sobre a vida e a obra de Miguel González Garcés (A Coruña, 1918-1989), desde un enfoque amplo, incluíndo a persoa -cunha aproximación aos feitos puntuais da súa biografía- e o personaxe, analizando o seu labor social e literario e recollendo o corpus crítico que sobre a obra de Garcés se ten escrito. Situando, en suma, o noso autor nas coordenadas históricas que marcaron a súa vida e que explican a súa traxectoria, ofrecendo unha imaxe plural e complexa, desde distintos ángulos e perspectivas, así resulten contradictorias.
Sempre desde o pensar e o sentir dun escritor: non estamos ante unha tese nin ante un traballo académico. Si ante un libro que prima a reflexión, a claridade expositiva e a perfección estilística sobre pautas formais ou rigores ecdóticos. O único propósito que nos move é afondar na obra dun poeta que consideramos dos máis relevantes no contexto da lírica galega da segunda metade do século pasado.