A morta é unha reflexión, esaxerada e hipnótica, sobre a pureza e o valor que lle damos. Un canto baixo a auga. Unha voz que laia na ruptura coa adolescencia ao saberse corpo e ao vivir o amor coma renuncia. Desacougo, metamorfose, descubrimento e reacción. Pero tamén a luz aparece ao nomearse: o xeito é importante, non só o xesto. Así, o eu poético mergúllanos no claroscuro das ondas e debátese entre a terra e outro estado líquido. Ana Cibeira nace en Caracas, medra en Compostela e vive en Madrid. Dende 2003 publica en diversos medios. En 2011 sae o seu primeiro libro de poemas -e collages- Pintalabios (Toxosoutos). Participou nos libros colectivos Letras novas (AELG, 2007), Transgeneración 1.0 (Centro Cultural Generación del 27, 2007), Sétimo andar, Poesía alén e pegadas (A porta verde, 2010 e 2011) e Marés nos pousos do café e Madrid foi unha praia de baleas entre néboas do Grupo Bilbao de poetas galegos en Madrid.