Sinopse O inicio d’A Muller do Mediodía transcorre na cidade alemá de Stettin, ás beiras do río Oder, en 1945. O exército ruso acaba de conquistar a cidade, e os seus soldados entran nas casas para saquear e violar. Unha daquelas mulleres violadas, acompañada polo seu fillo de sete anos, sobe a un tren. Na estación na que fan transbordo, a muller abandona ao seu fillo. O que segue é a narración da vida daquela muller entre 1910 e 1945. Julia Franck non limita o desenvolvemento da novela ao propósito de comprender a vida dunha muller xudía que transcorre na Alemaña das dúas guerras mundiais e mais da ditadura hitleriana. A novela despraza a un segundo plano uns feitos históricos e unhas circunstancias persoais, que por si mesmos abondarían para reducir ao absurdo calquera vida, para así volver aínda máis visible aqueloutro absurdo ao que de antemán está condenada unha vida dende o momento en que se trata da vida dunha muller.