Entre o verán sufocante de Nova York e as montañas neboentas de Negueira de Muñiz, Ninguén queda segue os pasos dun mozo galego na metrópole norteamericana mentres rastrexa a historia dunha muller desaparecida nos asentamentos de colonización da Terra Chá levantados pola ditadura na década de 1960. Os pisos de estudantes no estranxeiro, as comunas que emerxen dos restos dos encoros e os personaxes ensimesmados que acumulan fragmentos de tempo esquecido conflúen nun relato sobre a existencia do fogar en circunstancias límite; un relato que traza o contorno do abandono e o desposuimento mais tamén o da supervivencia obstinada. Cunha linguaxe interrompida, que transita e hibrida as fórmulas do ensaio interpretativo e as estratexias da ficción, Brais Lamela escribe unha obra sobre o arraigamento e a intersección de mundos, unha arquitectura literaria sutil que atopa novas posibilidades de escritura e asume desvíos e fracasos, un artefacto impuro, crebadizo, conmovedor.