Sinopse Nos dominios da incerteza debe ser entendido ante todo como un libro transgresor, un libro que denuncia ben alto o crime perpetrado pola economía como novo tótem colectivo. Mediante a coidadosa elaboración de relatos tirados de supostos cotiáns, o prototípico economista David S. Curtis, descrido, eticamente amoral, cínico máis non hipócrita, intenta descubrir a perversa confusión entre os medios e os fins que estimula esta severa e lúgubre disciplina. Para Curtis, a auténtica Economía é unha ferramenta, nunca a meta da comunidade. Igual que os gregos distinguían entre o nomos –a lei dos homes- e a bía – a lei física-, Nos dominios da incerteza quere recuperar o sentido da Economía como oikos nomos, é dicir, a recta administración da facenda doméstica, fronte a unha economía salvaxe, ou oikos-bía, que é a que na actualidade aspira a reinar de xeito asoballante sobre as restantes disciplinas sociais. Velaí como se denuncian as trabas á libre circulación de persoas cando se fomenta a libre circulación do capital financeiro e as mercadorías, a perversa superación dos límites éticos que a sociedade impón aos mercadores, o sutil mecanismo da especulación inmobiliaria, a abafante mercantilización da arte, o abuso da análise económica nos asuntos máis triviais, a escura rede de contactos que agochan as escolas de xerentes, a intrínseca contradición da ética nos negocios, o circuíto B do diñeiro, as lerias dos grupos de presión ou, mesmo, a disección do sexo como tema económico –Sexnomics. Con estes relatos volverase a ter conciencia de que a auténtica Economía debe estar ao servizo da vida, por se tratar dun simple medio para acadar unhas finalidades máis elevadas, humanas e dignas.